O obxectivo deste texto é analizar a presenza e o funcionamento do humor nalgunhas propostas artísticas feministas e determinar os seus puntos de tensión e confrontación co discurso dominante. A argumentación terá como base algún dos traballos precedentes relacionados co humor (Bajtín, 1987; Eagleton, 2021) e investigacións que analizaron o seu potencial dentro dos feminismos (Merrill, 1988; C. Atance, 2018; Álvarez, 2018). Partindo desta base, tentarase establecer unha conexión coa defensa do carácter comunicativo da confesión desenvolvido pola filósofa María Zambrano. A obxectivo será mostrar como o humor entra en escena desde un corpo concreto, situado (Haraway, 1995), afectado (Garcés, 2013), coa intención de desconfigurar as estruturas hexemónicas do pensamento e atopar outras visións e significados máis amplos. Un proceso creativo e comunicativo que emerxe desde a complexidade da vida para colocar no campo da arte a pregunta polo posíbel a través dos imaxinarios radicais que ofrece o humor.