Seminarista brillante, medalla de ouro en dereito canónico pola Universidade Gregoriana na Roma do Concilio, capelán obreiro na Galicia do desenvolvemento industrial, promotor inicial do Concilio Pastoral de Galicia e presidente da Asemblea Rexional do clero galego. A singular travesía de Xosé Ramón Barreiro Fernández no seo dunha Igrexa galega liderada entón polo cardeal Quiroga Palacios permite interpretar mellor non só a súa vida e obra, senón tamén a da historia de Galicia entre os anos 50 e 70 do pasado século.