“…As implicacións destas consideracións para as Administracións públicas relaciónanse, sobre todo, con recoñecer que os programas de apoio e impulso que se poidan deseñar para promover o desenvolvemento das CER deben ter en conta elementos sociodemográficos, sociopsicolóxicos e tamén xeográficos (Süsser e Kannen, 2017). Igualmente, deben garantir unha efectiva participación cidadá que evite que se repitan procesos como os que caracterizaron o desenvolvemento eólico en Galicia (Copena Rodríguez e Simón Fernández, 2018a, 2018b), baixo os que se esconde un problema de información asimétrica (Simón et al, 2019) que actúa, precisamente, en contra da construción de confianza e cooperación, aspectos esenciais da predisposición a participar/investir en CER rurais de acordo cos resultados do noso estudo. Xa que logo, tanto para os gobernos encargados de deseñar políticas eficaces para promover as CER no ámbito rural como para os seus posibles promotores, a transparencia e o acceso a toda a información relevante, a implicación da cidadanía no desenvolvemento e implantación das iniciativas, e a creación dunha sólida rede de cooperación serán, por tanto, fundamentais para apoiar a expansión das CER (Von Bock Und Polach et al, 2015) e lograr a contribución positiva destas ao desenvolvemento rural (Clausen e Rudolph, 2020).…”