Xa é lugar común para os investigadores e persoas interesadas na historia e dialectoloxía do galego, consideraren a fala do Val do Río Ellas, no noroeste de Cáceres, como unhas arcaizantes variedades do galego que foron interferidas, ao primeiro, por trazos fonéticos, morfolóxicos e léxicos do leonés meridional, e posteriormente, debido á presión exercida secularmente pola única lingua oficial do Reino de España, por trazos casteláns, sobre todo a raíz da entrada de léxico oficial castelán por vía administrativa, escolar, relixiosa etc., ou tamén, vía comercial e social, de léxico da variedade castúa estremeña.O que caracteriza o léxico destas falas, dentro do marco xeral da inexistencia dunha recollida e estudo sistemáticos e exhaustivos do mesmo, é, por unha banda, o seu notable arcaísmo e as significacións especiais ás que evolucionaron moitos significantes comúns galego-portugueses, e, pola outra, a presenza dun bo número de voces castelás adaptadas á fala do Val. O primeiro explícase polo illamento secular desta comarca, un val cinxido de montañas que fai de chanzo entre as provincias de Salamanca e Cáceres, historicamente mal comunicado e cunha poboación fundamentalmente endogámica que descende da mestizaxe entre os colonos galegos e asturleoneses occidentais instalados neste val da antiga Estremadura leonesa no séc. XIII, e poboacións autóctonas anteriores á readministración (non reconquista) cristiá.