A pandemia da Covid-19 ten un efecto considerable nas desigualdades sociais. Este artigo ten como obxectivo identificar, medir e describir os cambios nas desigualdades de renda en Galicia despois da pandemia. Para isto, calcúlanse diferentes indicadores de desigualdade de renda que permiten analizar a súa evolución antes e despois da pandemia (2014-2020), considerando as diferentes fontes de ingreso. Os principais resultados poden sintetizarse en tres aspectos. Primeiro, a pandemia implica un incremento das desigualdades de renda en Galicia en 2020. Ademais, aumentaron as desigualdades segundo o sexo, a nacionalidade, a idade e o nivel de estudos dos compoñentes do fogar, así como as desigualdades territoriais. Finalmente, as prestacións sociais desempeñaron un papel relevante á hora de suavizar o efecto da pandemia nas desigualdades. Cómpre sinalar que este efecto é asimétrico, levando a que os fogares compostos por persoas máis novas se visen claramente menos protexidos que os de maior idade.