Hoxe en día falar de proxectos de innovación educativa non é algo novidoso nas diferentes etapas educativas. Sen embargo, aínda segue a ser unha cuestión pouco visibilizada na Formación Profesional (FP) que, en moitas ocasións, queda reducida a propostas relacionadas co uso de recursos TIC nos procesos de ensino-aprendizaxe. Ante isto, podemos preguntarnos cal é a situación dos proxectos e potencial de innovación naqueles estudios de vocación eminentemente práctica en Galicia. Este traballo pretende achegarnos ao que se está a facer no ámbito da innovación nos centros de FP galegos, unha realidade pouco visibilizada e estudada que, sen embargo, recolle unha gran diversidade de accións, iniciativas e proxectos en materia de innovación educativa. Para iso, levouse a cabo unha investigación descritiva, de carácter exploratorio e eminentemente cualitativa na que, a partir da análise de fontes documentais primarias, como son as distintas resolucións das convocatorias anuais de premios á innovación en FP, se pretendeu responder ás seguintes preguntas de investigación: estase innovando nos centros de FP? Que tipo de proxectos son os considerados innovadores polas administracións e premiados? Que familias profesionais son as involucradas? Que tipo de centros participan máis da innovación? Analízanse así, as convocatorias de premios á innovación en FP dos anos 2019 e 2020 na comunidade autónoma de Galicia, na cal se presentaron en total 144 propostas innovadoras, das cales foron finalmente premiadas, 86. A modo de conclusión, realízase unha análise crítica da situación actual da innovación na FP en Galicia, aportando referentes a ter en conta e valorándoa á luz do papel que debe xogar a FP no marco da construción dunha cidadanía so século XXI.