“…O crítico Anthony Bradley (1981: 79) distinguiu dúas xeracións de poetas irlandeses: a do Irish Literary Revival [rexurdimento literario irlandés] de finais do século XIX e comezo do XX, sen coñecemento directo do agro nin dos campesiños, e, por outra banda, os poetas do posrexurdimento, con experiencia directa da vida labrega e, xa que logo, contrarios á idealización desta. Certamente, o poeta do Irish Revival, W. B. Yeats, idealizou unha paisaxe irlandesa da que el, como membro da elite anglo-irlandesa protestante, se sentía relativamente alienado, facendo uso do que Declan Kiberd (1991;véxase tamén Palacios González 2005) denominou «recurso á xeografía» para reforzar a súa pertenza á nación irlandesa. Contra a idealización do mundo rural expresouse tamén a poeta galega Marilar Aleixandre (2017: 11) -é salientábel a relevancia recíproca que teñen as literaturas galega e irlandesa na representación do mundo rural-no seu discurso de ingreso á Real Academia Galega ao se referir ao escritor Xosé Neira Vilas, o seu antecesor na institución: «Cómpre, benquerido Pepe, agradecerche que neste texto inaugural [Memorias dun neno labrego] da literatura galega para nenos e nenas non falseases a realidade con azucre.…”