Coincidindo coa consolidación dos Trastámara no trono castelán (1369-1388), a lírica galega enfrontou un período de decadencia a través da chamada escola galego-castelá. Con todo, as referencias directas ao galego, como signo identificativo do reino da Galiza e dos seus habitantes, non deixaron de se acrecentar na literatura castelá catrocentista. Entre elas, sitúanse textos breves da segunda metade do século XV, tales como dialoxismos e sentenzas estereotipadas, en que se reproduce a lingua galega cunha auréola xocosa. A súa aparencia híbrida, así como a propia finalidade burlesca dos textos, permítenos identificar estas aparicións como os primeiros experimentos literarios onde o galego xa é obxecto de parodia e onde se manifesta a existencia de prexuízos lingüísticos antigalegos. Un recurso literario que se consolidará no século XVI e que se popularizará, especialmente no XVII, da man dos vilancicos casteláns de temática galega.