Avalíase a situación da Formación Profesional en Galicia perante o desafío da aplicación das Estratexias de Especialización Intelixente lanzado pola Comisión Europea para as rexións e Estados Membros no período de programación 2014-2020. A implantación dunha estratexia deste tipo constitúe unha condición ex-ante imposta desde a Unión Europa para a percepción de Fondos Estruturais. A través da análise sistémica proposta trátase de identificar o estado actual da Formación Profesional, como parte do Sistema Galego de Innovación. Con ese fin analízanse os diferentes ámbitos e espazos nos que esta estratexia de innovación inflúe neste nivel educativo (novas orientacións, creación de capacidades, oferta educativa de admisión, difusión do coñecemento, tarefas técnicas, etc.), contrastando os obxectivos perseguidos e os resultados observados. Tamén se analizan aspectos institucionais e organizacionais que inciden no deseño, aplicación e xestión das medidas e a súa posible incidencia nos sistemas produtivo e educativo, para o que se pon a atención nos centros de referencia, os Centros Integrados de Formación Profesional. As conclusións extraídas permiten formular recomendacións para afondar na implantación da Estratexia de Especialización Intelixente na Formación Profesional na Comunidade Autónoma de cara ao período de programación 2021-2027.