Antón SantamarinaÉ cousa coñecida desde hai moito que na toponimia se conservan reliquias lingüísticas que son testemuños de que determinadas fronteiras lingüística (isoglosas) mudaron de lugar por razóns diversas. Un exemplo ben rechamante témolo no caso de L-latino que, como é sabido, se converte en ll-en varias falas do galego asturiano; llobo e lleite aparecen (entre as áreas que corresponden ás variantes galega lobo e asturiana tsobu) nunha franxa bastante ancha que vai desde A Caridá, pasando por Boal, ata Berducedo (pode verse en Babarro, Galego de Asturias, p. 99). Este fenómeno en tempos recuados debeu de afectar tamén a terras que hoxe son administrativamente galegas; topónimos como Llencias (na Fonsagrada e na Ribeira de Piquín), Llouxas (tamén na Fonsagrada; aínda que no Nomenclátor vén Louxas moita xente segue a dicir Llouxas) ou Lladairo (tamén na Fonsagrada), que se corresponden cos Lencias/Lenzas, Lousa e Ladairo doutras partes de Galicia, fan sospeitar que a isoglosa do ll-recuou bastantes leguas favorecendo as formas máis "galegas". O que ocorre co L-está moi relacionado co que ocorre tamén co -LL-e co -L-e tamén nisto os datos da toponimia e da lingua mesma redundan no que se sospeita para o L-.Pois ben, disto vai o libro que nos ocupa, que toma como obxecto de estudo topónimos dos Nomenclátores de Galicia (NG), Asturias, León e Zamora (esporadicamente doutras fontes) que rematan nas catro variantes que figuran no título (e ademais -ó, como en Pereiró e -úa, como en Pereirúa), que se corresponden coas terminacións latinas -ŏna, -ōna, -ŏla e -ōla.-ŏnA. Para a primeira das terminacións non hai senón a base bŏna que aparece como determinante (boa, búa), amalgamado ou non, en numerosos topónimos do tipo Lamaboa, Lama Boa, Lamabúa. Neste caso, como os topónimos son todos "falantes" (transparentes)